Búsqueda avanzada
CIRCULAR 67/2021 .- Novo Baremo AXG 2021
30/12/2021
Prezado compañeiro:
 
A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia,  Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega acordaron o novo baremo de compensacións polas intervencións da Quenda de Oficiopendente de publicación no DOGA. Esta actualización supón un importante incremento da partida orzamentaria destinada á Asistencia Xurídica Gratuíta para os vindeiros anos.

Como sabes o incremento das cantidades do baremo da Quenda de Oficio é unha das reivindicacións históricas dos Colexios da Avogacía Galega para a dignificación deste servizo público, prestado pola Avogacía para garantir a tutela xudicial efectiva da cidadanía.

O Consello da Avogacía Galega, a través da súa comisión negociadora e mediante a proposta consensuada polos 7 colexios que o conforman, promoveu que as subidas se realicen sobre os módulos que demandan máis designacións (87% do total), de modo que, nestes conceptos, o incremento medio supera o 19%. Para o resto dos asuntos, 12,72% do total, a subida aceptada media é do 4,93%.

Ademáis do incremento das cuantías en todos os conceptos, no baremo aprobado inclúense novos conceptos e mellórase a redacción doutros, aceptándose así, en parte, as propostas colexiais orientadas a mellorar as remuneracións dos profesionais da Avogacía adscritos á Quenda de Oficio, que relacionamos a continuación:

XERAL: Todos os recursos de apelación: Recursos de apelación a sentencias e autos finais ou admitidos en ambos efectos.

Xurisdición penal: Asistencia individualizada, incluida a presencia inmediata solicitada polo detido ou preso sen declaración posterior, a requirimento xudicial ou do centro de detención.

Xurisdición penal: Iguálase o importe do procedemento penal abreviado ao do axuizamento rápido sen conformidade.

Xurisdición penal: Defensa xurídica inmediata da muller en dilixencias policiais, aínda que non presente denuncia, e procedementos administrativos que traian causa directa ou indirecta de violencia de xénero.

Xurisdición penal: Iguálase a asistencia na orde de protección ao investigado, que se incrementa, e vítima.

Xurisdición penal: Por cada beneficiario do dereito á xustiza gratuíta adicional no mesmo procedemento, a partir de tres investigados, incrementarase o módulo nun 10%, cun límite dun 50% de dito módulo.

Xurisdición penal: Inclúe un módulo específico para saídas para entradas e rexistros domiciliarios de 20€.

Xurisdición civil: A remuneración das medidas provisionais previas e coetáneas en procesos de familia increméntase nun 40%.

Xurisdición civil: Equipárase a modificación das medidas definitivas ao proceso matrimonial completo, o que supón un incremento do 23,65%.

Xurisdición civil: Os procesos sobre filiación ou de adopción de medidas xudiciais de apoio a persoas con discapacidade, agás os internamentos do artigo 763 de Lei de axuizamento civil, increméntanse nun 40%.

Xurisdición civil: Nos procedementos de división xudicial de patrimonio, elimínase a expresión “completos”. A Xunta admitiría os verbais derivados (discusión do  inventario e impugnación do caderno), sempre que teñan distinto número asignado.

Xurisdición civil: Execucións de títulos xudiciais con oposición e as posteriores a dous anos. Explicación: Ata o de agora só se admitían as execucións de familia con oposición anteriores a dous anos, agora admítense tamén o resto de execucións civís con oposición anteriores a dous anos, se ben estas últimas sen efecto retroactivo, é dicir, as que se inicien con posterioridade á efectividade do novo baremo.

Xurisdición civil: Inclúense os supostos de ampliación da demanda nas execucións de familias (máximo 1 por ano) 30% do módulo.

            Este novo acordo entrará en vigor a partir do cuarto trimestre do 2021 e ten unha duración de catro anos, ata o ano 2025, momento no que se abrirá un novo proceso negociador. As cantidades actualizaranse ao longo dos próximos tres anos segundo estas porcentaxes:
  • Primeiro ano: 50% do incremento do convenio.
  • Segundo ano: 30% do incremento do convenio. Total 80%.
  • Terceiro ano: 20% do incremento do convenio. Total 100%.
  • Cuarto ano: IPC sobre o 100%.
 
 Por último,  infórmoche que a Dirección Xeral de Xustiza comprometeuse a estudar como garantir o pago das actuacións profesionais en defensa de investigados insolventes, incluídas persoas xurídicas, aos que non se lles concede o dereito á asistencia xurídica gratuíta por pasividade ou imposibilidade legal, o que obriga a que os profesionais presten os seus servizos sen contraprestación algunha. Esta garantía conseguiríase a través dun novo convenio ou dunha reforma regulamentaria.
 
             Un saúdo,
                                                                                      A Decana,
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrar sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Acepto | Rechazo | Configurar | Más información